Thursday 09 de May de 2024

Anxo M. Lorenzo participa na presentación do libro ‘A investigación no Arquivo do Reino de Galicia no século XX’


O autor desta publicación é Pedro López Gómez, que dirixiu o Arquivo do Reino de Galicia entre os anos 1986 e 1995

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Arquivo do Reino de Galicia na Coruña, na presentación do libro A investigación no Arquivo do Reino de Galicia no século XX, unha publicación que analiza, a partir dos resultados máis visibles, como foi o labor que desempeñaban os usuarios desta entidade ao longo do pasado século, así como a orixe e importancia dalgúns dos seus fondos documentais.

A existencia de ricas fontes documentais ou os procesos de incorporación de documentos son algúns dos factores sobre os que reflexiona Pedro López Gómez, autor da publicación. Nesta mesma liña, López Gómez, que dirixiu este Arquivo durante case unha década, tamén analiza as condicións que propiciaron a investigación e pon en valor o interese dos fondos para os distintos tipos de usuarios, así como as facilidades para o manexo dos documentos grazas a existencia de numerosos instrumentos descritivos e bases de datos informatizadas.

O libro, de preto de 200 páxinas, fai un percorrido pola historia dos fondos e coleccións cos que conta o Arquivo do Reino de Galicia e analiza a evolución do número de usuarios e dos diferentes resultados e traballos de investigación que se publicaron a partir das súas fontes. Para rematar, López Gómez realiza unha conclusión na que se pon o valor do Arquivo como organismo insubstituíble no estudo das institucións, así como da sociedade e da economía durante o Antigo Réxime ou para o estudo da política social e contemporánea.